Recentemente compareceu a plana maior do BNG en rolda de prensa, para anunciar que se prospera o recurso de inconstitucionalidade do Goberno contra a Lei Galega de Caixas, eles promoverán o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei do FROB. Alí estaban flamantes Guillermo Vázquez, Francisco Jorquera, Carlos Aymerich, Ana Pontón, Teresa Táboas e ata, don Francisco Rodríguez!
Que o Bloque diga que a fusión das caixas galegas signifique dispor dun banco Central Galego, como o que hai en Frankfurt ou en Madrid, pase. Que diga que o recurso á Lei Express é para levar fora os aforros dos galegos, pase. Que é ademais un ataque a Galicia, ao seu futuro, a súa economía e a súa dignidade, pase. Que diga que un SIP é unha absorción das caixas galegas por caixas foráneas, tamén pase.
Pero que propoña en vinganza recorrer a Lei do FROB, non pasa, porque non saben o que din nin eles mesmos.
O FROB significa “FONDO DE REESTRUCTURACIÓN ORDENADA BANCARIA” e é un fondo de 9.000 millóns de euros creado por Real Decreto-Lei para sanear e axudar ás caixas con dificultadas que se reestruturen mediante fusións.
É o alicerce da estratexia do Presidente Feijóo -que o Bloque apoia- e que consiste en planificar a supervivencia de Caixa Galicia mediante a absorción de Caixa Nova e as propias axudas do FROB, tanto para financiar os custos da fusión, como para mellorar a súa solvencia a curto prazo. Noutras palabras, o FROB é unha condición sine qua non da viabilidade da estratexia do noso Presidente.
E agora, en roda de prensa, esa panda de premios novel, insta a Feijóo a que en desquite polo recurso á Lei de Caixas, recórrase... a Lei do FROB!
Algún de vostedes foi invitado pola súa nai ou avoa, un martes de Entroido, a tomar un cocido sen porco?
Será posible que os dirixentes do Bloque gocen do cocido sen porco?
E mentres tanto as bases do bloque en Vigo botadas á rúa na manifestación contra a fusión!
Con todo, unha análise fría e imparcial sobre a composición dos órganos de dirección do BNG, tamén arroxaría conclusións positivas: por primeira vez na historia de Galicia, toda unha xeración de dirixentes políticos ultracretinos fala e escribe correctamente na súa lingua vernácula.




No hay comentarios.:
Publicar un comentario